Tuesday 17 de September de 2024

O Concello non legaliza o uso “turístico” de vivendas residenciais, pero a Xunta non o controla


As vivendas que desaparecen do mercado do alugueiro para dedicalas a estancias curtas deterioran a calidade de vida local en moitos municipios.

O Goberno de Oleiros leva anos esixindo un maior control da Xunta e o Estado sobre o uso turístico das vivendas residenciais, prohibidas polo Plan Xeral, que define unicamente o uso hoteleiro como “o uso terciario de servizo ao público de aloxamento temporal”. O mesmo documento define como uso residencial aquel que serve para proporcionar aloxamento permanente ás persoas.

Un decreto municipal de 2021 sobre o tema xa advirte que tanto as vivendas turísticas como as vivendas de uso turístico contempladas pola Xunta recibirán en Oleiros un informe negativo para a súa legalización, tal e como establece o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Así o manifestou o alcalde, Ángel García Seoane, ao opinar sobre o grave problema de non diferenciar entre o uso residencial e o uso turístico das vivendas que contemplan as normativas locais, o que se considera unha das claves do incremento dos prezos dos alugueres e o deterioro da calidade de vida dos habitantes das zonas de alta demanda turística.

As persoas emprendedoras que desexen dedicarse a explotar os negocios de hospedaxe, teñen fórmulas legais de sobra para realizar esa actividade a través das numerosas figuras na normativa estatal, autonómica e local para levar a cabo calquera proxecto empresarial atendendo ás condicións contempladas nas normas de cada municipio.